|
O sector turístico é un dos sectores económico, cultural e empresarial máis importante de España e de Galicia, e por conseguinte, unha importante fonte de riqueza. Un dos principais problemas que ten o sector turístico que visita Galicia é a súa estacionalidade (centrada case exclusivamente nos meses de verán), polo que a política turística a seguir debe centrarse na diversificación do produto turístico, buscando novos segmentos de mercado, novas técnicas de atracción que fomenten a captación dun turismo que poda disfrutar dos produtos e servizos turísticos que se ofertan durante todo o ano.
Na última década, grazas ao desenvolvemento e a introdución masiva de Internet, o comercio electrónico revelouse como unha excelente alternativa en determinados sectores que non implican un proceso de distribución custosa: venda electrónica de billetes de avión, paquetes turísticos, entradas para espectáculos, reservas de servizos orientado ao lecer etc. A inmensa maioría dos portais web turísticos presentan unha grande cantidade de información e datos cara un usuario que, polo xeral, non dispón do suficiente tempo para consulta-las ofertas e analiza-la información; obtendo así un resultado plenamente axeitado ás súas necesidades. Isto é un claro indicador de que acceder á información útil ás veces non é unha tarefa sinxela. É por iso que resulta de especial interese a personalización dos produtos ofertados a cada usuario, destacando o uso dos algoritmos de recomendación. Este algoritmos son por unha importante ferramenta para, de xeito eficiente, xestionar e mostrar información de interese para o usuario; e por outra banda, constitúen un importante campo de investigación no comercio electrónico do sector turístico onde nos encontramos con paxinas web con grandes volumes de contidos.
A motivación do proxecto ven dada pola necesidade de personalizar e adaptar as ofertas turísticas a cada usuario potencial, e aproveitar o feedback e as contribucións online da comunidade de usuarios dos portais para realizar unha segmentación do mercado que sexa o máis realista posible e que vaia evolucionando na medida na que cambian as preferencias dos usuarios.
|